17 Dec San Xiao enche o centro cívico nunha charla práctica da OTC de Narón para aforrar na factura da luz
O Centro Cívico Social de San Xiao acolleu esta semana unha nova sesión informativa impulsada polo Concello de Narón a través da Oficina de Transformación Comunitaria (OTC), organizada en colaboración coa AVV Ceibe de San Xiao, cunha excelente resposta de participación e unha alta implicación da veciñanza.
A charla estivo centrada en ofrecer consellos claros e directamente aplicables para reducir o gasto eléctrico nos fogares, abordando cuestións como a revisión da potencia contratada, a identificación da tarifa máis adecuada segundo os hábitos de consumo e a detección de condicións desfavorables na contratación, como permanencias ou servizos asociados non desexados.
Ao longo da sesión tamén se explicaron de forma sinxela conceptos habituais da factura —tramos horarios, termos fixos e variables, e diferenzas entre comercializadoras— e habilitouse un espazo final de preguntas no que se resolveron dúbidas concretas expostas polas persoas asistentes.
Desde a OTC de Narón valórase moi positivamente a acollida da actividade e lémbrase que o servizo municipal continúa dispoñible para ofrecer asesoramento individualizado, revisión de facturas e acompañamento técnico, co obxectivo de avanzar cara a un modelo enerxético máis eficiente, sostible e accesible para a cidadanía.
A Oficina de Transformación Comunitaria atende no Centro Social A Solaina de luns a venres, de 09:00 a 15:00 horas (presencial os martes e mércores). A veciñanza interesada pode contactar no teléfono 677 73 73 21 ou no correo otc@naron.gal.
As actividades da Oficina de Transformación Comunitaria están cofinanciadas con fondos da Unión Europea – NextGenerationEU, no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia.
As actividades da Oficina da Enerxía están cofinanciadas con fondos da Unión Europea – NextGenerationEU, dentro do Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia do Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico.20