Ir a web do concello

Éxito da xornada participativa de presentación de “Narón en Comunidade”, celebrada nun formato próximo e aberto á veciñanza

O Concello de Narón, a través da Oficina de Transformación Comunitaria (OTC), celebrou con éxito a xornada de presentación do proxecto “Narón en Comunidade”, unha iniciativa municipal orientada a impulsar comunidades enerxéticas locais como ferramenta de aforro, participación cidadá e maior independencia enerxética.
A sesión, celebrada na tarde do 29 de decembro, desenvolveuse nun formato próximo e participativo, adaptado ao contexto das datas previas ao remate do ano. Finalmente, a actividade tivo lugar no espazo de cafetería exterior do Auditorio de Narón, xerando un ambiente distendido que favoreceu o diálogo directo e o intercambio de experiencias entre as persoas asistentes.
Durante a xornada explicáronse de maneira clara e accesible os conceptos básicos das comunidades enerxéticas, os modelos de participación existentes e os beneficios prácticos do autoconsumo compartido. A menor afluencia de público permitiu un formato tipo mesa redonda, no que a veciñanza puido formular preguntas, expoñer dúbidas concretas e participar activamente na conversa mentres compartía un café.
As persoas asistentes valoraron moi positivamente este enfoque próximo, destacando a utilidade da información recibida e a oportunidade de coñecer de primeira man como poden formar parte, no futuro, dunha comunidade enerxética no municipio.
Con esta actividade, o Concello de Narón continúa avanzando na súa aposta por un modelo enerxético máis sostible, participativo e centrado na cidadanía, reforzando o papel da veciñanza como axente activo na transición enerxética local A Oficina de Transformación Comunitaria (Centro Social A Solaina) atende de luns a venres de 09:00 a 15:00 horas (presencial os martes e mércores). A veciñanza interesada pode contactar no teléfono 677 73 73 21 ou no correo electrónico otc@naron.gal.
As actividades da Oficina da Enerxía están cofinanciadas con fondos da Unión Europea NextGenerationEU, dentro do Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico.