Ir a web do concello

A OTC DE NARÓN IMPULSA O AFORRO E A XESTIÓN ENERXÉTICA EFICIENTE NO ÁMBITO EMPRESARIAL CUNHA XORNADA EN COLABORACIÓN

A Oficina de Transformación Comunitaria (OTC) de Narón celebrou onte no Café Teatro do Pazo da Cultura a xornada técnica “Aforro e xestión eficiente da enerxía no ámbito empresarial”, un encontro dirixido ao tecido empresarial da comarca que reuniu a representantes de empresas integradas en COFER, así como outras empresas e persoas interesadas no ámbito enerxético.

A sesión comezou coa apertura institucional e a presentación da OTC Narón, na que se explicou o papel da oficina como instrumento de acompañamento técnico para empresas, autónomos e cidadanía no proceso de transición enerxética.

Durante a xornada abordáronse cuestións clave para o sector empresarial, como as ferramentas prácticas para comprender e optimizar a factura eléctrica, as boas prácticas en eficiencia enerxética e as oportunidades que ofrecen as comunidades enerxéticas no ámbito empresarial. Tamén se presentou a iniciativa “Narón en Comunidade” como instrumento para impulsar compras conxuntas e proxectos colectivos que permitan mellorar a competitividade empresarial a través da cooperación.

Os relatorios foron impartidos por Francisco Prol Hermida, enxeñeiro industrial experto en enerxías renovables, e Rodrigo López Piquín, enxeñeiro civil e director da OTC Narón, que destacaron a importancia de que o tecido empresarial se anticipe aos cambios normativos e ás dinámicas do mercado enerxético apostando pola eficiencia, a planificación e a colaboración.

A xornada concluíu cun espazo de preguntas e intercambio de experiencias, seguido dun café-networking que permitiu fortalecer sinerxías entre empresas da comarca.

Desde a OTC Narón valórase moi positivamente a participación e o interese mostrado polas empresas asistentes, consolidando este tipo de encontros como espazos clave para avanzar cara a un modelo enerxético máis sostible, competitivo e colaborativo.

A Oficina de Transformación Comunitaria atende no Centro Social A Solaina de luns a venres, de 09:00 a 15:00 horas (presencial os martes e mércores). A veciñanza interesada pode contactar no teléfono 677 73 73 21 ou no correo otc@naron.gal.

As actividades da Oficina de Transformación Comunitaria están cofinanciadas con fondos da Unión Europea – NextGenerationEU, no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia.