11 Dec A OTC de Narón explica na AVV San Mateo as dúas vías de aforro colectivo do proxecto “Narón en Comunidade”
A Oficina de Transformación Comunitaria (OTC) de Narón celebrou unha charla informativa no local da Asociación de Veciños San Mateo, dirixida a dar a coñecer as posibilidades de aforro enerxético colectivo incluídas no proxecto municipal Narón en Comunidade.
Durante o encontro, o director da OTC, Rodrigo López Piquín, explicou á veciñanza os fundamentos do modelo e as dúas vías principais de participación cidadá que se están a impulsar desde o Concello:
- A creación de comunidades enerxéticas locais baseadas en instalacións fotovoltaicas, que permiten producir enerxía renovable e repartila entre as persoas socias.
- A constitución de grupos de consumo conxunto, orientados a negociar mellores condicións tarifarias mediante a agrupación de facturas eléctricas.
A sesión contou tamén coa intervención de Iago Ballesteros, enxeñeiro da empresa FLINQ, quen detallou os criterios técnicos que se empregarán nos estudos de viabilidade das futuras instalacións solares.
Desde a OTC de Narón valórase moi positivamente a participación e o interese amosado pola veciñanza, lembrando que o servizo ofrece asesoramento enerxético gratuíto, revisión de facturas e acompañamento ás persoas interesadas en formar parte do proxecto.
A Oficina de Transformación Comunitaria atópase no Centro Social A Solaina e atende de luns a venres de 09:00 a 15:00 horas (atención presencial os martes e mércores).
A actuación está subvencionada pola Unión Europea – NextGenerationEU no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia.