16 Dec A OTC de Narón explica en A pombiña o as dúas vías de aforro colectivo do proxecto “Narón en Comunidade”
O local social de A Pombiña acolleu unha nova charla informativa organizada pola Oficina de Transformación Comunitaria (OTC) de Narón, centrada na divulgación do proxecto municipal Narón en Comunidade e nas súas posibilidades de aforro colectivo.
Ao longo da sesión, o director da OTC, Rodrigo López Piquín, presentou de maneira accesible as distintas alternativas que se están a promover para reducir o custo da enerxía entre a cidadanía, facendo especial fincapé na participación colectiva como elemento clave do modelo.
Entre as opcións expostas destacaron:
- O impulso de comunidades enerxéticas con xeración solar compartida, orientadas á produción local de enerxía limpa.
- A posta en marcha de iniciativas de consumo eléctrico conxunto, que permiten acceder a condicións máis vantaxosas a través da negociación colectiva.
A charla serviu tamén para resolver dúbidas prácticas e informar sobre os seguintes pasos do proxecto, reforzando o papel da OTC como punto de referencia municipal en materia de transición enerxética.
Desde a Oficina de Transformación Comunitaria anímase á veciñanza a achegarse ao servizo para recibir información personalizada, revisión de facturas e acompañamento técnico, tanto para comunidades enerxéticas como para grupos de consumo.
A OTC de Narón presta atención no Centro Social A Solaina, de luns a venres de 09:00 a 15:00 horas (presencial os martes e mércores).
A actuación está subvencionada pola Unión Europea – NextGenerationEU no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia.