Ir a web do concello

A formación sobre axudas públicas en materia enerxética reúne á veciñanza no Auditorio de Narón nunha sesión práctica e participativa

O Auditorio de Narón acolleu na tarde do 30 de decembro unha nova xornada formativa organizada polo Concello de Narón, a través da Oficina de Transformación Comunitaria (OTC), centrada en achegar á veciñanza información práctica e actualizada sobre como acceder ás principais axudas públicas en materia de enerxía, rehabilitación e eficiencia enerxética.
A sesión contou cunha participación destacada tendo en conta as datas previas ao remate do ano, e desenvolveuse nun formato dinámico e participativo. Durante a xornada realizouse un percorrido polas principais liñas de subvención existentes nos distintos órganos da Administración do Estado, abordando tanto programas estatais como autonómicos relacionados co autoconsumo, a eficiencia enerxética en vivendas, a rehabilitación e outras actuacións vinculadas á transición enerxética.
A formación contou coa participación de Francisco Prol, enxeñeiro industrial especializado en materia enerxética, quen foi desgranando de maneira clara e didáctica as diferentes convocatorias dispoñibles, explicando onde se publican, como identificalas e que aspectos clave é preciso revisar en cada caso. Ao longo da sesión incidiu especialmente na importancia de planificar con tempo a tramitación das axudas,
preparar correctamente a documentación e evitar erros habituais que poden supoñer a perda da subvención.
O enfoque práctico da xornada favoreceu unha elevada interacción co público, cun amplo turno de preguntas no que se analizaron casos reais tanto de particulares como de entidades do municipio, resolvendo dúbidas concretas e achegando orientación adaptada a distintas situacións.
As persoas asistentes destacaron a utilidade da sesión, valorando especialmente a claridade das explicacións e o carácter aplicado dos contidos, orientados a facilitar o acceso real ás axudas públicas e a reducir as barreiras administrativas.
Con este tipo de iniciativas, o Concello de Narón reafirma o seu compromiso de acompañar á veciñanza na mellora da eficiencia enerxética, na redución de custos e no aproveitamento das oportunidades de financiamento público, mesmo en períodos do ano tradicionalmente máis complexos para a participación cidadá.
A Oficina de Transformación Comunitaria (Centro Social A Solaina) atende de luns a venres de 09:00 a 15:00 horas (presencial os martes e mércores). A veciñanza interesada pode contactar no teléfono 677 73 73 21 ou no correo electrónico otc@naron.gal.
As actividades da Oficina da Enerxía están cofinanciadas con fondos da Unión Europea – NextGenerationEU, dentro do Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico.